Friday 19 de April de 2024

A Xunta outorga axudas a cinco concellos da contorna de Bergantiños-Costa da Morte para a execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración cun investimento de preto de 295.000 euros


― O delegado da Xunta na Coruña visitou a depuradora de Lodeiro, en Cabana de Bergantiños, onde informou que este municipio recibirá máis de 96.600 euros para levar a cabo melloras no depósito de Picón e na estación depuradora

― As axudas, compatibles con outros incentivos, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución das obras, así como os gastos asociados a elas

― Con este tipo de iniciativas a Xunta mantén o apoio ás entidades locais na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, que redundan na calidade de vida das poboacións dos municipios máis pequenos de Galicia

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, visitou a estación depuradora de augas residuais de Lodeiro, onde informou que este municipio recibirá máis de 96.600 euros para levar a cabo melloras no depósito de Picón e na depuradora.

Trenor destacou que esta axuda inclúese dentro da nova orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para apoiar aos concellos máis pequenos, cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, na execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, á que destina un investimento global que rolda os 9 millóns de euros en toda Galicia, tras ampliar en preto de 5 millóns de euros a orde de axudas dotadas inicialmente con 4 millóns.

No caso dos concellos da contorna de Bergantiños-Costa da Morte, o delegado da Xunta, informou que estas axudas beneficiarán a cinco concellos: Cabana de Bergantiños, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Laxe que recibirán en total preto de 295.000 euros para garantir o funcionamento óptimo dos seus sistemas de abastecemento municipal ou para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como na construción de novas infraestruturas.

Con esta liña de subvencións, a Xunta trata de apoiar actuacións nos municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes para garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

O límite máximo das axudas foi de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Así, os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

Con esta iniciativa a Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

Esta actuación da Xunta conta coa financiación do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

CONCELLO SISTEMA TÍTULO PROXECTO ACHEGA AUGAS DE GALICIA
Cabana de Bergantiños Abastecemento Substitución de tubaxe de distribución de auga á saída do depósito de Picón, concello de Cabana de Bergantiños 48.399,09 €
Cabana de Bergantiños Saneamento e depuración Melloras na automatización da E.D.A.R. de Lodeiro, concello de Cabana de Bergantiños 48.390,99 €
Corcubión Saneamento e depuración Mellora do saneamento na Rúa Camiño do Carro e O Vilar 50.000,00 €
Dumbría Saneamento e depuración Ampliación da rede de saneamento na parroquia de Ézaro 50.000,00 €
Fisterra Saneamento e depuración Mellora do saneamento na rúa Federico Ávila. Fase 1 50.000,00 €
Laxe Abastecemento Mellora da rede de abastecemento municipal de laxe 47.895,97 €
TOTAL 294.686,05 €